“Queremos un goberno de esquerdas en Ravella, pero non pactaremos a calquera prezo”
ENTREVISTA DE FÁTIMA FRIEIRO
A Juan Fajardo gústalle volver a Faxilde e ao barrio da Torre cada vez que ten un momento libre. Alí foi onde se criou e por iso cada vez que se lle pregunta por un lugar de Vilagarcía lembra as raíces e as horas pasadas na casa dos avós. Consciente do desencanto existente coa esquerda na capital arousana, preséntase como cabeza de lista nuns comicios que serán cruciais para a súa agrupación.
Os de agora son momentos de desencanto da cidadanía coa política... Qué oco ten IU no mapa do goberno de Vilagarcía?
Este é o noso ano. E non o digo por capricho, senón porque somos a verdadeira alternativa. O resultado vai ser finalmente o que queira a cidadanía, pero manexamos enquisas que nos dan ata sete concelleiros. En canto ao desencanto, eu penso que existe desencanto coa esquerda no momento en que fai política de dereitas, pero non todos somos iguais. En Vilagarcía debe seguir gobernando a esquerda, pero a de verdade, que é a nosa.
Os resultados que ofrece son moi optimistas... Pensa que lle vai a afectar a IU a escisión de Esquerda Anticapitalista?
Esquerda Anticapitalista non é ningunha escisión, senón un militante que marchou el solo. Pensamos que non nos vai afectar en ningunha medida.
Tanto dende o Partido Popular como dende as outras agrupacións de esquerdas acusan a IU de “covardía política” por non ter entrado no goberno hai catro anos. Se este ano se dá esa nova coxuntura... Vaise manter IU fóra do executivo de novo ou hai opción ao pacto?
O que está claro é que fomos os primeiros en acertar o desastre do goberno que se aveciñaba hai xa catro anos. Sabiamos que no PSOE non había proxecto de goberno, senón ocurrencias. Nós non estamos dispostos a participar nun goberno a calquera prezo. Imos intentar que haxa un goberno de esquerdas en Vilagarcía despois do 22 de maio e poñeremos sobre a mesa as nosas condicións, que son as que basean un verdadeiro modelo de esquerdas. O que sobra é aquel que non está disposto a pasar por esas mínimas cuestións. O noso programa é claro e está aí, sen privatizacións, coa municipalización dos servizos públicos e coa revisión das taxas e impostos. O que está claro é que non gobernaremos en contra dos intereses dos veciños de Vilagarcía.
E gobernar agora é máis difícil que hai catro anos polo tema da crise e da austeridade...
Gobernar un concello é moi fácil. Só hai que escoitar aos veciños e ver qué cousas son coherentes e realizables. Evidentemente non é dicirlle que si a todo o mundo. Hai que facer o que sea lóxico, non ocurrencias. Cando ves propostas como a do PP para o encoro de Castroagudín daste conta de quen está na realidade, e quen vive no seu mundo. O que lle importa á xente nestes momentos é ter traballo e por iso dende as competencias do Concello hai que impulsar actuacións para que non sexa a maior lacra do municipio e que non haxa familias deshauciadas por non poder pagar o alquiler.
Se gobernar é tan fácil... Cales foron os fallos do bipartito estes anos?
O primeiro fallo xa foi o acordo do goberno e a partir daí, é destacable que os egos matan á política. O maior erro foi ter gastado 21 millóns de euros en Vilagarcía que non se transformaron en actividade. Que a Vilagarcía de hoxe sexa peor que a de hai catro anos é algo realmente tremendo.
Considera entón que os programas que plantean os outros non van mellorar a situación actual...
Esta é unha campaña excepcional porque estamos nun momento económico delicado. Fronte a iso a campaña do PSOE e do PP coinciden nunha cousa: De facer cousas atractivas pensando na xente que ten traballo, cando o problema real é que a xente que necesita nestes momentos da política é aquela que está desempregada. Non ten sentido falar dun Aquapark ou dun hotel no Ramal tendo ese problema coa praia con vertidos constantes dende o Porto e permitidos dende o Concello.
Entón Juan Fajardo vese alcalde de Vilagarcía...
Vemos a Alcaldía en IU de forma clara e contundente. Basicamente porque a única alternativa que existe é a nosa. O PSOE, que se di de esquerdas, presenta un candidato que non quería ser e que non vai continuar porque non ten ningún compromiso co Concello. O BNG simplemente non está na campaña e tampouco estivo non Concello os últimos anos facendo, iso si, unha política do despilfarro tremenda. E o do PP simplemente non sabe facer nada.
Pero hai un oco para a esperanza e a mellora?
Claro que si. E aí é donde está IU. Queremos que Vilagarcía recupere a súa identidade e a personalidade que perdeu todos estes anos. Que se recupere o mar e a natureza. Que o Concello sexa unha parte máis da casa de calquera veciño.
Diario de Arousa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario